CRTVG

Buscar

Bos días

EUA rompe unilateralmente o pacto nuclear e impón sancións a Irán

Publicado o 09/05/2018 09:42

Sacudida planetaria pola decisión dos Estados Unidos de romper o pacto nuclear con Irán e retomar as sancións. O presidente Donald Trump vólvese poñer de costas á comunidade internacional e devolve a inestabiliade a unha das zonas máis conflitivas do planeta. A Union Europea e a ONU pídenlle que reconsidere a súa decisión, pero Trump segue adiante coa súa folla de ruta illacionista.

O presidente dos Estados Unidos anuncia que dá por finiquitado o acordo nuclear con Irán, un pacto logrado pola administración Obama en 2015 que no seu momento ofrecera unha imaxe de reconciliación entre dúas potencias que foran inimigas por máis de 25 anos.

A Trump o pacto sempre se lle atragoou: "O acordo sostense nunha ficción xigantesca: pensar que un réxime asasino desexa un programa nuclear pacífico. Se non faciamos nada, o maior patrocinador mundial do terrorismo obtería en pouco tempo a arma máis perigosa", dixo onte Donal Trump.

Pero o que o presidente dos Estados Unidos defende como unha medida para frear a escalada nuclear é visto pola comunidade internacional como unha decisión perigosa, que pode desatar xusto o efecto contrario.

Desde a propia Organización de Nacións Unidas pídenlle a Trump que reconsidere a súa decisión. E tamén desde a Unión Europea. "O acordo nuclear non é un acordo bilateral e non está nas mans dun só país rompelo unilateralmente", explicaba onte a xefa de política exterior. E no mesmo sentido se pronunciou o ministro de Exteriores de Rusia, outro dos países asinantes. Xunto con Francia, Alemaña e o Reino Unido tentarán convencer a Irán de que permaneza no pacto, malia as fortes sancións comerciais que lle van impoñer desde a Casa Branca.

Irán di que verá se o resto dos asinantes garanten as condicións. Nunha comparecencia televisada, Rohani di que o estudará nunhas semanas e que, do contrario, volverá enriquecer uranio.

Nun comunicado en redes sociais, o ex-presidente Obama cualifica a nova decisión de Trump como "un erro moi serio" que pode conducir a unha guerra armamentística e poñer en perigo os Estados Unidos.

Bos días

09/05/2018