EU presenta un candidatura “preparada para presentarse, exista ou non confluencia”
A coordinadora nacional de Esquerda Unida (EU), Eva Solla, presentou este xoves a candidatura da formación para as eleccións autonómicas previstas para 2020, unha candidatura “preparada para presentarse exista ou non exista confluencia” con Podemos e Anova, afirmou.
“Estamos convencidas de que a unidade dentro da esquerda rupturista é, probablemente, o único camiño para trasladar unha alternativa forte e imos sentarnos a falar para constituír unha candidatura de confluencia, pero a nosa organización ten que facer o seu traballo e os seus deberes”, apuntou Solla en rolda de prensa.
Neste sentido, a líder de EU lembrou que “en todos os procesos anteriores” se fixo un chamamento aos partidos cos que traballa, “especificamente Podemos e Anova”, que nas pasadas eleccións xerais produciuse un acordo con Podemos a través de En Común e que a formación “mantén como principio a capacidade de confluencia”.
Aínda que “cada organización decide o que considera” e unha parte do traballo “estivo centrado nas eleccións xerais e agora na formación de Goberno”, Solla apelou á “responsabilidade” dos demais partidos “para entender a relevancia da conxuntura na que nos atopamos”.
“Entendemos que temos a posibilidade de que, dunha vez por todas, evitar que se sigan aplicando políticas contra a maioría social despois de dez anos de recortes en Galicia que deixaron medio millón de persoas pobres e destruíron os principais sectores, por iso entendiamos que era importante asumir este proceso con responsabilidade e empezar a traballar con tempo”, proseguiu.
Deste xeito, Eva Solla, candidata de EU á presidencia da Xunta de Galicia, presentou os catro primeiros postos das listas por cada provincia, con Vanesa Somoza por Lugo; Loreto Taibo, pola Coruña; Sofía Díaz Gómez, por Ourense, e Estela Miller, por Pontevedra.
“Consideramos un elemento importante que todas as candidaturas provinciais estivesen encabezadas por mulleres”, explicou Solla, quen destacou “o elemento feminista” das listas, así como que estas aúnan “mocidade e experiencia, con compañeiros que xa ocuparon cargos públicos ou cargos internos dentro de EU”.
Esta candidatura, denominada “A esquerda con forza”, será ratificada o próximo 14 de decembro polo máximo órgano de EU, a Coordinadora Nacional, aínda que Solla apuntou que “é importante adiantala para trasladar que esta organización está perfectamente preparada para facer fronte á dereita”.
Unha vez ratificada a candidatura, esta centrarase en aspectos que a organización considera “fundamentais”, como o programa electoral e as conversacións con forzas políticas co obxectivo de preservar "a capacidade de confluencia”, indicou.