Estudan no Clínico de Santiago a eficacia en maiores de 60 dunha vacina para o virus respiratorio sincital
O virus respiratorio sincital é a principal causa de hospitalización de nenos, sobre todo lactantes, pero afecta tamén aos adultos e de xeito máis grave aos maiores de 60 anos. A súa sintomatoloxía pode ser similar á dunha gripe.
"Moitas veces polo que é a clínica non é doado de distinguirse, nin sequera do que é a covid nas fases iniciais. O que sabemos é que cando se produce sobre todo nas persoas de maior idade o aqueles que padecen unha enfermidade de base poden ter máis complicacións e pode acabar coa hospitalización ou falecemento da persoas nunha taxa e e frecuencia similar ao da gripe", di Federico Martinón, xefe do Servizo de Pediatría do CHUS.
Co obxectivo de avaliar a eficacia dunha vacina, aínda en fase de investigación, fronte a este virus, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago se está a realizar un ensaio clínico coa participación de máis de 25.000 persoas a nivel mundial.
"Estamos traballando no desenvolvemento de vacinas para adultos para evitar precisamente esta infección que pode producir pneumonía e hospitalización fundamentalmente nas persoas de maior idade e aquelas que teñen enfermidades pulmonares crónicas", asegura Martinón.
Os requisitos para participar son ser maior de 60 anos e non ter contraindicacións para a administración da vacina.
"É un ensaio como calquera outro no que tratamos de demostrar que a vacina funciona. O único que facemos é observar no tempo se a diferencia dos que no recibiron a vacina se infectan menos deste virus".
Os resultados poderían axudar a determinar se esta nova vacina podería protexer os adultos maiores de 60 anos fronte á infección por virus respiratorio sincital.