Estudan como evitar o contacto dos alumnos nas actividades extraescolares
Entre as incógnitas abertas para este curso escolar está como evitar o contacto dos alumnos con outros que non son das súas 'burbullas', cando os nenos estean nos comedores, no transporte ou tamén nas actividades extraescolares. En comedores e transportes a receita é coñecida: establecer quendas e extremar os protocolos de hixiene e de distanciamento.
No caso das actividades extraescolares chegou a darse o dilema de se mantelas ou suspendelas para o curso que empeza. A segunda opción -recoñecen nas ANPA- xeraría enormes problemas de conciliación ás familias. Así que algúns centros optan por mantelas, pero baixo unhas determinadas condicións. O Ministerio de Educación traza dúas directrices: desaconsella os deportes colectivos e lembra que o recomendable é facer actividades coa mesma burbulla das clases e non mesturar alumnos de diferentes grupos estanco.
Diego Aragunde, Presidente da ANPA do CEIP Pio XII de Santiago, asegura que eles fixeron os deberes e teñen as actividades aprobadas, con algunhas modificacións respecto dun curso normal: Iudo, non. E do baloncesto, só tecnificación. As actividades extraescolares complícanse coa COVID-19, pero seguen a ser unha ferramenta necesaria para poder conciliar.
Carlos Gómez, pai dunha nena en didade escolar, explica: "Creo que debería haber outras medidas de conciliación por parte das empresas e non que as familias as tivesen que buscar fóra, pero eu creo que tomando as medidas oportunas penso que poden ser viables. Ao mellor non todas, pero algunha si".
Neste centro de Taekwondo, os protocolos de hixiene e distanciamento son estritos. E están ben interiorizados polos cativos.
"O profesor tómanos a febre ante de entrar, e vainos desinfectar os pés e as mans", contan os nenos. "Dámoslles patadas aos paus e hai como un cadrado e cada un ten o seu para non compartilo por se pasa algo".
Do que se trata é de evitar o contacto, así que non practicarán combate, pero si poden adestrarse en todas as técnicas individualmente, e nunha aula con ocupación moi limitada, que foi parcelada para que cada neno ocupe o seu recadro.
"Colleron as medidas moi ben, temos unhas medidas bastante estritas que a situación tamén o require e a verdade é que se están portado todos coma campións e campioas", comenta Alejandro Carrero, adestrador de Taekwondo.