Estréase en Redondela 'María Solinha', a última película de Ignacio Vilar
Ás once da noite na alameda Castelao de Rendondela, este venres estrearase 'María Solinha', a última película de Ignacio Vilar. A súa estrea estaba prevista para o 17 de maio, pero a pandemia obrigou a mudar a data e o espazo.
A película vaise exhibir por vilas de Galicia, algúns puntos de Castela e León e Portugal, nas rúas e autocinemas, antes que nas salas.
Mañá estrearase en Cangas, a vila natal da personaxe que inspira esta peculiar recreación da vítima da intolerancia da Igrexa Católica. Un dragón, como a famosa Coca da festa de Redondela, como aos que, segundo o director, han de enfrontarse as mulleres tamén no noso tempo.
'María Solinha', participada pola TVG, é unha mestura de teatro, historia e cinema que conta cun amplo elenco formado por veteranos actores como Santo Prego, Antonio Durán Morris ou Mabel Rivera, e novas promesas como Grial Montes e Laura Míguez. Esta noite estarán presentes na estrea de Redondela.