CRTVG

Buscar

Estragan varios coches estacionados na zona de San Roque en Lugo

Publicado o 18/02/2019 14:31

A Policía Nacional investiga en Lugo a identidade dos vándalos que esta fin de semana causaron diversos danos nos vehículos estacionados en varias rúas da cidade. Principalmente deixaron os coches cos retrovisores rotos, aínda que tamén abolaron portas e matrículas e romperon limpaparabrisas.

Estes turismos aparcados na céntrica rúa San Roque, en Lugo, son algúns dos vehículos que quedaron danados esta fin de semana como consecuencia da actividade vandálica. Varios dos coches apareceron cos espellos retrovisores rotos, tanto nesta vía coma na praza dos Mártires de Carral e nas rúas contiguas. Segundo denunciaron os prexudicados, os vándalos tamén romperon algún limpaparabrisas e mesmo deixaron aboladas matrículas e mais portas, supostamente a patadas. Os veciños da contorna aseguran que se trata dunha zona bastante tranquila, polo que din estar sorprendidos polo acontecido.

"Nós estamos estrañados porque ata agora nunca se viu iso. Nalgunha ocasión, ao local do lado tiráronlle un lastro pola noite, pero máis nada. Quedo estrañada".

Na comisaría de Lugo presentáronse cando menos catro denuncias por estes feitos, polo que os axentes estiveron a recadar probas pola zona para tratar de identificar os autores dos actos vandálicos.


 

Noticias web

18/02/2019