Estragan con rodeiras de coche un campo de fútbol en Castro de Rei
Totalmente estragado. Así quedou o campo de fútbol onde adestran os rapaces das distintas categorías do Club Deportivo Castro, en Castro de Ribeiras de Lea. Varios coches accederon ás instalacións e deixáronas cheas de rodeiras. Como resultado deste acto vandálico, os equipos terán que desprazarse ata os concellos veciños, que se prestaron a colaborar para que poidan continuar coa práctica deportiva.
"Parece que con dous coches fixeron esta desfeita. Non sei a que vén isto, porque é un sitio para adestrárense nenos pequenos e demais. Sobre todo a base, en que temos sobre 80 nenos. Agora vémonos abocados a ter que marchar a adestrar noutros campos, porque isto está impracticable", di José Luis Marino, secretario do Club Deportivo Castro.
Ademais de estragaren o campo de fútbol, os autores destes actos vandálicos tamén deixaron a súa pegada na área de autocaravanas. A reparación destas instalacións municipais terá un custo de varios miles de euros. "O primeiro sería botar area, seguramente botar algo de terra e sementar. Para subir dos 10.000 euros vaille faltar pouco. Hai que apisoar e traer operarios, polo que é un traballo custoso", explica José Manuel Rodríguez, vicepresidente do equipo.
"Ao Concello vaille supoñer bastante gasto. Ten que arranxalo rapidamente porque de momento está mollado, pero se o tempo segue así, seca e xa non vale para arranxar. Habería que gastar moito máis diñeiro, polo que isto teñen que arranxalo o antes posible. Agora os pais teñen que levar os nenos a outros campos que nos deixan, entre eles Cospeito ou Outeiro de Rei, polo que é un trastorno grave", conta José Luis.
Dende o Concello de Castro de Rei sinalan que van denunciar os feitos ante a Garda Civil.