Estraga unha xoiería compostelá para roubar despois de que a policía lle quitara unha machada
Sucedeu na rúa compostelá do Vilar, na parte da praza do Toural. Contra as catro da mañá de onte, valéndose da tapa dunha arqueta de sumidoiros o ladrón esnaquizou o escaparate da xoiería e levou todo o que puido. Ao parecer nese momento chegou unha patrulla da policía e fuxiu por Entrerrúas.
José Manuel Pazos, propietario da tenda di: "E fóronlle caendo pezas na escapada e a policía foi recolléndoas polo camiño, pero non puideron collelo. Polo de agora non temos valoración do roubado, porque non fixemos inventario aínda".
Levou pezas do escaparate: xoias, aneis, gargantillas, brazaletes..., todo o que puido alcanzar coa man".
Manuel, un veciño achegábase á xoiería para entregar unha desas pezas que atopou esta mesma mañá moi preto.
Ao parecer ao ladrón, horas antes, a policía quitáralle unha machada, coa que estaba a increpar os viandantes. Segundo o dono da xoiería, está identificado. Supostamente, é un dos sen teito que adoitan estar no Toural. A vítima quéixase, como máis comerciantes da zona, da actitude agresiva que mantén.
O dono da tenda di que "están bébedos e en moi malas condicións. Mexan e defecan na rúa, métense cos turistas, métense cos comerciantes, intimídannos. Téñennos vivindo nunha situación de estrés e non só a min, aos comerciantes da zona".
Din os comerciantes que están nunha situación de medo e inseguridade grande e que son necesarias máis patrullas policiais.