Hoxe acaba o prazo para pedir o voto por correo para as eleccións autonómicas
Hoxe remata o prazo para solicitar o voto por correo para as eleccións do próximo 12 de xullo. E faino duplicando as peticións de hai catro anos polo coronavirus e as vacacións. A cita electoral achégase e nos colexios extreman as medidas de seguridade.
De forma extraordinaria pola pandemia da COVID, a solicitude pode facerse de forma telemática dende a web de Correos. Se se quere, pódese votar no mesmo momento de recibir a documentación, para non ter que ir despois á oficina.
A solicitude de voto, lembra Correos,"debe ser realizada persoalmente por cada elector, salvo en caso de enfermidade ou discapacidade acreditadas mediante certificación médica oficial que impida a formulación persoal da devandita petición", en que poderá "ser presentada en nome do elector por outra persona autorizada notarialmente ou consularmente".
No momento de formular a solicitude, os interesados deben acreditar a súa personalidade presentando ante o empregado da oficina postal o DNI, pasaporte ou carné de conducir orixinais.
A solicitude de certificado de inscrición no censo tamén se pode solicitar de maneira telemática a través da páxina web www.correos.es. Para solicitalo é necesario dispor de DNI electrónico ou dun certificado dixital válido para asinar electronicamente a solicitude e ter instalado no computador AutoFirma, a aplicación de firma electrónica do Ministerio de Hacienda. O prazo de presentación de solicitude telemática finaliza ás 23.59 horas deste xoves.
As delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral, despois de comprobar a inscrición dos solicitantes no censo, preparan os envíos coa documentación electoral á dirección indicada polo elector na súa solicitude, indicou Correos.
"Correos distribúe esta documentación e responsabilízase de realizar polo menos dous intentos de entrega en man ao propio destinatario", subliña.
No momento da entrega, sinalou a entidade, "o elector, se así o desexa, pode entregar ao carteiro ou carteira o sobre co voto cumprimentado a cambio dun xustificante acreditativo do depósito do seu voto". Se o elector decide non entregar o seu sufraxio nese momento, pode despositalo en calquera oficina de Correos ata o próximo 10 de xullo ás 14.00 horas.