CRTVG

Buscar

Este xoves comeza en Pontevedra o xuízo contra Tania Varela

Publicado o 27/02/2019 16:17

Mañá sentará no banco da acusación, na Audiencia de Pontevedra, a avogada cambadesa Tania Varela. A Fiscalía Antidroga pide para ela tres anos e medio de prisión, por branqueo de diñeiro e tráfico de drogas. Tania Varela levaba cinco anos desaparecida, e buscada pola Interpol, polas súas contas pendentes coa Xustiza.

Tania Varela chegou a figurar entre as 70 persoas máis buscadas pola Interpol, era a única muller nesta listaxe. A Audiencia Nacional ditou unha orde internacional de detención contra ela no 2013, despois de que avogada desaparecera para eludir unha condena por branqueo de capitais e tráfico de drogas.

Varela comezou a súa relación co narcotráfico ao converterse en avogada de David Pérez Lago, fillo de Esther Lago e fillastro de Laureano Oubiña. No 2006, o narco foi detido ao ser descuberto nun desembarco de 1.700 quilos de cocaína nunha praia de Corme. A avogada foi tamén detida nesa operación: estaba a ser investigada xa como parte da organización de narcotráfico, o propio David Pérez Lago delatouna.

Varela foi condenada entón a sete anos de cadea e unha multa de máis de 318 millóns de euros. Recorreu contra a sentenza pero o Supremo ratificouna, no 2013. Entón, desapareceu. Foi prófuga da xustiza cinco anos, ata ser descuberta e detida en marzo do ano pasado en Sitges, onde vivía coa súa filla, baixo identidades falsas.

Agora será xulgada na Audiencia de Pontevedra, por branqueo de capitais. A Fiscalía Antidroga pide tres anos e medio de condena, considera que a avogada se enriqueceu con fondos procedentes do narcotráfico, e que investiu estes cartos coa fin de ocultar a súa orixe ilícita.

Noticias web

27/02/2019