Completan a pauta de vacinación en Santiago unhas 10.500 persoas maiores de 40 anos
Longas ringleiras este sábado na Cidade da Cultura. Nesta xornada recibirán a segunda dose da vacina de Pfizer unhas 10.500 persoas da área sanitaria de Santiago. Teñen entre 40 e 49 anos.
María Xosé Parrado, enfermeira e coordinadora da vacinación na Cidade da Cultura:
"Prevese que a participación sexa boa, son segundas doses, completan pauta, normalmente cando é a segunda acode practicamente a totalidade dos citados".
A pesar de ter, polo de agora, a pauta completa con Pfizer, moitos din optar pola prudencia e seguir mantendo medidas de seguridade na súa vida cotiá...
"Eu vou de traballo a casa e non moitas relacións sociais e seguirei así ata que se vexa máis adiante o que vai pasar"
"Mantendo a calma e pouquiño a pouco, penso que a desescalada ten que ser pouco a pouco e non estar agora todo ao tolo porque xa sabemos que en menos de trinta días pode ir todo para atrás"
Algúns aseguran que coa vacina xa posta e con certa precaución non lle teñen tanto medo á quinta vaga coma ás anteriores.
"Non, non teño medo porque me protexo, a vacina vale pero hai que levar máscara e todo igual"
"A mocidade parece que anda algo alterada, pero eu enténdoo, ando eu con 46, non van andar eles con vinte e pico"
O domingo e o luns continuarán aquí coa vacinación dos maiores de 60 anos que completarán a pauta coa segunda dose de AstraZeneca.