CRTVG

Buscar

Este mes arranca o calendario de regatas en Sanxenxo

Publicado o 10/03/2021 16:06

O 20 e o 21 de marzo ábrese o calendario das competicións náuticas en Sanxenxo. A gran cita deste ano será en setembro co Campionato Europeo de 6 metros que vai ser a antesala do mundial de xuño de 2022.

"Conseguimos que dende xuño deste ano empece a chegar moita flota para adestrar. E logo entre setembro e xuño de 2022, moita xente vai vir a facer probas, regatas...", apunta Alejandro Varela, responsable de Comunicación do Real Club Náutico de Sanxenxo.

As regatas teñen un impacto económico moi importante. Por iso as organizacións intentan sacar as grandes citas dos meses de xullo e agosto para axudar á desestacionalización do turismo.

"Ao final sempre teñen moito tirón e os campionatos que temos agora por diante non cabe a menor dúbida de que van repercutir na ocupación dos establecementos", comenta Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos do concello.

"Máis ou menos teremos unha flota de entre 50 barcos entre xuño de 2021 e xuño de 2022. Cada barco move directamente un mínimo máis ou menos, dunhas 10 persoas, entre tripulación, equipo de terra, máis acompañantes, máis público, máis prensa, máis todo o que mova. Ao final imos estar en torno a 1.500-2.000 persoas en cada proba", explica Alejandro Varela.

As cifras falan por si mesmas, porque está calculado que cada participante gasta en Sanxenxo unha media de 150, 200 euros diarios.

Noticias web

10/03/2021