CRTVG

Buscar

Tests masivos na área sanitaria da Coruña na busca de casos asintomáticos

Publicado o 18/08/2020 20:53

• Dende este mércores, Sanidade fará 60.000 probas para chegar a toda a poboación de entre 18 e 40 anos 

O cribado de colectivos especialmente expostos ao virus terá que facer varias paradas na cidade da Coruña. Aquí está previsto facerlles a proba PCR a 1.300 persoas, segundo a listaxe enviada polo consistorio ao Sergas.

Unha empregada de asuntos sociais di que para ela é moi importante saber se está contaxiada porque mantén contacto cada días coas nais e os meniños da casa de acollida. Pero a partir deste mércores empeza tamén o plan para facerlles as probas a milleiros de persoas na busca de infectados que non teñen síntomas.

"A ritmo de mil persoas diarias, cribar 60.000 persoas de entre 18 e 40 anos que son os da área. Hai moito positivo asintomático nesa franxa de idade e é importante chegar a eles porque se está vendo que saen moitos positivos que non teñen síntoma ningún", explica Marta Mosquera, a supervisora do Servizo de Medicina Preventiva da área sanitara da Coruña.

Unha medida máis para intentar frear a transmisión comunitaria nesta área sanitaria onde a curva de casos de covid non deixa de medrar. Os casos activos xa son 921, 70 máis ca o luns. Aquí está tamén o único gromo nunha residencia de anciáns de Galicia, a de Orpea, en Culleredo, con 11 usuarios e 2 traballadores infectados.

A área sanitaria de Ferrol é a que ten menos casos activos, aínda que tamén seguen aumentando. O gromo vinculado ao campamento de verán de Cerdido ten 16 casos activos tras sumar un máis.

E detectouse un gromo de orixe familiar en Cedeira, con sete persoas infectadas.

Noticias web

18/08/2020