Este martes aumentan os controis para conseguir vehículos menos contaminantes na UE
Os controis sobre os vehículos de motor aumentarán a partir de mañá na UE cando entre en vigor a nova normativa comunitaria que pon o foco sobre a homologación e vixilancia do mercado automobilístico, de remolques, sistemas e compoñentes, co obxectivo de que os coches que circulan na Unión sexan máis seguros e respectuosos co medio ambiente.
Esta reforma mellorará a calidade e a independencia da homologación na industria, endurecerá os controis dos vehículos para entrar no mercado e reforzará o sistema xeral cunha maior supervisión europea, informou a Comisión Europea nun comunicado. Para iso a Unión promoverá tests independentes para a industria automobilística, así como para vehículos xa en circulación.
Bruxelas establecerá así controis de cumprimento e conformidade nos países da UE tanto nos laboratorios como na estrada para asegurar que se cumpre a lexislación. En palabras do comisario de Mercado Interior, Thierry Breton, os europeos esperan conducir os vehículos menos contaminantes e máis seguros, o que carrexa "controis máis estritos" no sector.
"Isto comporta unha supervisión real a nivel europeo. É por iso que a partir de agora a Comisión poderá realizar controis en toda a UE e impoñer multas de ata 30.000 euros por automóbil a un fabricante cando se infrinxa a normativa", afirmou o comisario galo, quen engadiu que esta reforma vai en liña coa intención de Bruxelas de promover unha mobilidade máis segura e limpa.