CRTVG

Buscar

Este luns é o último día para presentar a declaración da renda

Publicado o 01/07/2019 12:44

Lembren que hoxe é o último día para presentar a declaración da renda. Aínda se poderá acudir a unha oficina da Axencia Tributaria, pero só se xa se ten a cita previa pedida. O último día para solicitala foi o venres pasado. Tamén se van poder facer consultas telefónicas e elaborar a declaración por teléfono ou Internet, pero sempre e cando sexa a devolver, ou para ingresar sen domiciliar o pagamento. Remata así unha campaña que comezaba o 1 de abril.

 Este ano houbo cambios xa dende a simple tramitación da renda, coa desaparición da predeclaración en papel. Ademais, Facenda fixouse especialmente en certos sectores e actividades: por exemplo, aumentaron os apercibimentos ás persoas que teñen ganancias por rendas de alugueiro de viviendas, pasando de máis de 250.000 a 700.000. Incrementáronse tamén as advertencias por rendas xeradas noutros países. E os autómonos expresaron claramente o seu malestar por recibiren milleiros deles cartas que, segundo a Administración, son puramente informativas.

A fin da tributación polas prestacións de maternidade e paternidade, a redución das cotas para rendas baixas e as maiores deducións para investimentos en novas empresas ou familias numerosas foron algunhas das novidades tributarias desta campaña da renda, na que está previsto que se presenten vinte millóns trescentas cincuenta mil declaracións.

 

Noticias web

01/07/2019