CRTVG

Buscar

Este luns comezan os estudos das especies para prever a campaña marisqueira

Publicado o 16/08/2019 09:00

A confraría de Noia vai comezar a semana que vén as mostraxes para completar a previsión da campaña do ano que vén que empezará a mediados de setembro. Os primeiros datos recabados en maio indican que hai unha cantidade semellante o ano pasado pero máis pequeno.   

Na ría non hai nin embarcacións nin mariscadores pero en Noia no verán non se deixa de traballar. En terra, dándolle patente as lanchas; na auga, sacando depredadores e algas que matan o marisco.  "A corneta sácasa con nasas e o verdello cun rastro grande que sacamos co barco grande. Polo momento estáo botando o mar fóra e collémolo cun tractor"

A ría é como calquera leira que se a aras e a traballas, produce. Cóidase durante 6 meses, de marzo a setembro, e faise un exhaustivo estudo biolóxico que serve para facer previsións. LILIANA SOLÍS. BIÓLOGA DA CONFRARÍA DE NOIA "En maio cando rematou a anterior a campaña fixéronse mostraxes dos bancos. Temos unha primeira estima. En berberecho será semellante o ano anterior pero o tamaño medio é inferior; ameixa babosa semella que vai haber un pouco menos; e de ameixa xapónica máis ou menos igual"

O ano pasado foi a segunda mellor campaña da historia en Noia: facturáronse 18 millóns de euros. Capturáronse 2,3 millóns de quilos de marisco dos cales o 75% foi berberecho. A leira, polo tanto, é rendible. Os raños volverán á ría dentro dun mes. A semana que vén faranse as segundas mostraxes para analizar o desove. Un traballo que dura un mes.

LILIANA SOLÍS. BIÓLOGA DA CONFRARÍA DE NOIA "Na zona de autorización cuadricúlase e tománse mostras aleatoriamente. Son 75 mostras en cada mostraxe. Fanse estadísticos e cando collemos as mostras, lévanse para terra, sepáranse, e todas as especies mídense e métense na base de datos. Despois faise un tratamento estadístico para cada especie"

Como cada ano, a confraría fará un estudo para cada especie tendo en conta os datos históricos recompliados desde hai 15 anos.

Noticias web

16/08/2019