Este ano o San Froilán será sen casetas de polbo e con poucas barracas
En circunstancias normais, na zona do parque de Rosalía xa se estarían a erguer as casetas do polbo. Pero non vai ser así porque os hostaleiros rexeitaron poxar ante a incerteza da evolución da pandemia en Lugo e os malos datos dos últimos días.
Ademais, tamén poderían desaparecer as barracas e postos de venda do recinto feiral, aínda que hoxe se barallou a posibilidade de mantelos con capacidade reducida e restricións especiais. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura de Lugo asegurou que van "estudar as posibilidades de que poida haber un recinto feiral coas máximas garantías sanitarias".
Agora a comisión de festas traballa contra reloxo para pechar os concertos, outra das grandes atraccións das festas do San Froilán. Non será doado porque a evolución sanitaria é imprevisible e aínda non se sabe cales serán as ocupacións que se poderán abranguer. Por iso, tamén se traballa en actividades pequenas por toda a cidade.
Os veciños entenden que a sanidade debe estar por riba da festa: "para Lugo é moi necesario pero non se pode ter festa e hai que conformarse", "para a hostalería é moi importante o San Froilán pero o primeiro é a saúde e despois a festa"
O que si se mantén é a mostra de oficios tradicionais e os actos deseñados para os máis cativos. Ademais, numerosos locais de hostalería xa están a contratar caldeiros de polbo para as festas.