CRTVG

Buscar

Estas son as medidas que entran en vigor este sábado

Publicado o 18/06/2021 20:33
Estas son as medidas que entran en vigor este sábado

A Xunta anunciou novas medidas que entran en vigor a partir deste sábado, 19 de xuño. Pero que está permitido e que non?

• Que concellos están perimetrados?

Ningún, e tampouco está pechada Galicia co resto de comunidades autónomas.

• Hai toque de queda?

Non, están permitidas as reunións a calquera hora e sen límite de persoas en interiores e exteriores. Aínda así, Saúde Pública recomenda non superar as seis persoas en interiores e 15 en exteriores. Tamén recomenda que non haxa reunións con non conviventes de 1 a 6 da madrugada.

• Cales son as medidas na hostalería?

Os locais de hostalería (bares e restaurantes) poderán abrir ata a 1 da madrugada sempre que conten con medidores de CO₂. Aquí si que hai límite de persoas: grupos de máximo 6 persoas no interior e 15 nas terrazas. O servizo en barra non está permitido.

Ademais, os establecementos de xogo poderán abrir tamén ata a 01:00 sempre que teñan os medidores de CO₂. Nos concellos en nivel medio-baixo abrirán cunha ocupación máxima do 50 % e nos concellos en nivel medio, nun 30 %.

• Que concellos teñen restricións? 

Hai tres concellos no nivel medio de restricións: Camariñas, Malpica de Bergantiños e Soutomaior. Nestes concellos, os bares e restaurantes terán unha ocupación máxima do 50 % no interior e o 75 % nas terrazas.

Non hai ningún concello en nivel alto nin máximo.

• Ocupacións noutras actividades

As residencias de maiores e centros de día "recuperan a normalidade": eliminan as restricións das saídas e as visitas aos usuarios, desaparecen os grupos burbulla e poderán retomar actividades como comer todos xuntos.

Os parques acuáticos abrirán cunha capacidade máxima do 50 % en grupos de máximo 15 persoas (poderá superarse no caso de conviventes). Tamén contarán con controis de acceso.

Canto ás actividades infantís e xuvenís, haberá unha capacidade máxima do 75 %, sen exceder nunca os 50 en interiores e 125 en exteriores.

Os campamentos e albergues xuvenís estarán a un 70 % da súa capacidades, un 50 % no caso das tendas de campaña.

Os albergues de peregrinación seguen ao 30 %, pero os grupos burbulla poderán compartir cuarto e superar ese límite.