CRTVG

Buscar

Estas son as condicións en que reabren ximnasios e instalacións deportivas

Publicado o 26/02/2021 14:58

Perderon moitos clientes durante este último ano e hoxe, tras un mes pechados baixo sete chaves, os ximnasios poden volver abrir cun 30% de ocupación.

Patricia Castiñeiras, coordinadora de actividades do ximnasio Squash de Santiago, din que seguirán respectando as normas, "como fixemos ata o de agora". "Temos ventilación, desinfección sempre antes e despois do seu uso e distancia. Sempre estamos moi pendentes da xente sobre todo na sala, de que non se xunten moito", di.

Tamén se poden retomar as clases colectivas, pero en grupos máximos de catro persoas, o que obriga a cadrar de novo os horarios.

"Empezamos con 10, despois baixáronos a 6 agora báixannos a 4 entón hai que recolocar á xente e é moi complicado", comenta Patricia. "Grazas a deus temos xente que o comprende, que sabe que non é culpa nosa", di. "Estannos axudando para que podamos levalo a cabo do mellor xeito posible".

O uso dos vestiarios e da ducha tamén está permitido. "A última semana antes do peche tivemos que ter as duchas pechadas pero agora si que poden ir limpiños para casa", apunta Patricia.

Na práctica deportiva, a máscara é obrigatoria tanto en espazos pechados como ao aire libre, onde se pode ir en grupo sempre que non se xunten máis de 4 persoas, sexan ou non conviventes, ademais dun monitor, e non haxa contacto físico. As piscinas ao aire libre ou cubertas tamén abren cunha ocupación máxima do 30 %.

 

 

Noticias web

26/02/2021