Falecen tres persoas nunha xornada en que se estanca a incidencia da covid-19
• Descenso lixeiro dos casos activos cunha suba de pacientes en planta
• Baixan as infeccións diarias en Ourense, Lugo e Vigo
Sanidade informa do falecemento de tres persoas con coronavirus ingresadas nos hospitais galegos. Trátase dunha muller de 96 anos que permanecía no hospital de Santiago, unha muller de 85 no de Ourense e un home de 77 en Pontevedra. Con estes últimos decesos son 1.441 as persoas mortas desde o comezo da pandemia en Galicia.
Os datos do sábado ás 18:00 horas reflicten un lixeiro descenso de casos activos en Galicia (-44), unha leve caída nos contaxios (-11), unha suave baixada nos ingresos en agudos (-3) fronte a un certo ascenso en planta hospitalaria, (+12). Unha xornada, pois, sen grandes cambios no impacto do virus na comunidade.
Os enfermos de covid-19 activos son 5.609. Salienta a cifra de contaxios, que son 328 nas últimas horas diagnosticados por PCR, unha cifra en liña coas das últimas xornadas, por riba dos 300. Contaxios detectados por un volume importante de probas PCR, 8.002, que son 230 máis que a xornada anterior.
Nas últimas horas recibiron a alta 379 enfermos de covid-19.
Situación por áreas sanitarias
As infeccións activas soben na da Coruña, Pontevedra e Santiago, mentres o diagnóstico de novos positivos diarios ascende en Ferrol, Santiago e Vigo. Melloran os datos en Ferrol onde levaban dous meses sen ter menos de 500 casos activos, desde o 26 de outubro.
Na Coruña son 887 os casos con 64 positivos novos e 14 persoas en UCI. En Ferrol hai 486 infeccións activas con 12 contaxios; en Lugo, os casos son 371 con 26 novos diagnósticos; en Ourense, 470 persoas están infectadas con 13 novos positivos. Na área de Pontevedra son 936 as infección activas e 57 os novos contaxios detectados.
Santiago e Vigo mantéñense por riba do milleiro de infeccións activas. En Santiago son 1.216 con 77 contaxios nas últimas horas e 5 ingresados nas UCI; en Vigo hai 1.243 persoas coa infección e 79 novos positivos.