Estancadas as negociacións entre Alcoa e a SEPI para a venda de San Cibrao
• O Goberno pídelle a Alcoa que deixe de pór condicións á venda. Salienta que Liberty é o comprador prioritario, pero hai máis interesados
• A Xunta e o comité de empresa reclaman celeridade no proceso
As negociacións entre a multinacional estadounidense Alcoa e a sociedade estatal de participacións industriais (SEPI) para a venda da planta de aluminio de Cervo están estancadas a pouco máis de tres semanas de que termine o prazo establecido (o 30 de abril), segundo constataron este martes as partes convocadas polo Ministerio de Industria a unha reunión de seguimento sobre o proceso.
O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, insta a Alcoa a "que se deixe de poñer condicións" e "tire adiante" coa venda da planta de aluminio de San Cibrao. Subliña que "non hai un prazo legal vixente" para a operación (o do 30 de abril déronllo a empresa e o comité) e apunta á existencia de "varios" interesados máis en facerse coa factoría no caso de que se materialice a compra por parte da SEPI (sociedade estatal de participacións industriais), que funcionaría como intermediaria.
Raül Blanco sinalou a Liberty como o comprador prioritario ata agora, pero apelou á "prudencia" debido á situación financeira que atravesa. Con outros "houbo chamadas de interese pero aínda non houbo contactos firmes", apunta.
Neste escenario, critica que a multinacional estadounidense siga "poñendo condicións á venda tal e como sucedeu noutras ocasións", despois da operación errada durante o ano 2020. Alcoa, segundo Blanco, solicita inmunidade para "negociar calquera venda da planta e iso son elementos que as administracións públicas non poden admitir".
"Pola nosa banda todo son facilidades e axilidade", garante, para engadir que espera queAlcoa non estea a negociar sen interese real de vender. "Haberá que velo. Non queremos dicir iso e esperemos que non sexa así", reflexiona.
Neste escenario, a pouco máis de tres semanas dese prazo que se deron Alcoa e o comité de empresa, avanza que "haberá contactos nos próximos días, tanto coa empresa e cos sindicatos e a Xunta".
Por unha banda, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, sinala que o encontro concluíu "sen avances", polo que pide á empresa e ao Goberno central que "dean a máxima axilidade posible ás negociacións en curso para pechar canto antes un acordo de venda da planta de San Cibrao".
Na cita, telemática e á que non estaba convocada Alcoa, participaron os sindicatos e o comité de empresa, que declinou pronunciarse ata este mércores, despois de analizar o contido da reunión. "Trasladamos ao Goberno a necesidade de dotar de axilidade este proceso de negociacións e de que haxa un compromiso de transparencia por parte de Alcoa e da SEPI para concretar un acordo de venda e trasladar certeza aos traballadores antes do 30 de abril", destaca a consellería que dirixe Conde.
A través dun comunicado de prensa, subliña que tanto Alcoa como a SEPI "teñen que pechar canto antes un acordo de compra-venda que certifique a viabilidade da planta de San Cibrao". Neste contexto, Conde apelou "ao diálogo e o entendemento", e "a traballar de forma conxunta para que a operación de venda da planta da Mariña conclúa coa mellor das noticias".
Pola súa banda, a CIG tamén demanda ao Executivo central "acelerar as negociacións" para que a fábrica de San Cibrao estea "en mans" da SEPI "antes de terminar o mes". A central reclama aos gobernos "consumar feitos e realidades" para garantir a continuidade produtiva e dos empregos en San Cibrao. Concreta a CIG que as partes están agora "enredadas" na situación financeira do grupo GFG Alliance, ao que pertence Liberty, a compañía interesada en facerse coa factoría.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera "indispensable" que a fábrica de aluminio "quede baixo control da SEPI antes de terminar o prazo de negociacións", aínda que o comprador final "non sexa Liberty". "Só así se poderá abordar a procura dunha nova propiedade coa tranquilidade e seguridade de manter a produción e os empregos", advirte. Nesta liña, Carril instou á SEPI a buscar "compradores alternativos", debido ás "dúbidas financeiras que xera nestes momentos GFG Alliance".
Durante 2020, o Goberno xa negociou con Alcoa para tratar de que frutificase unha operación de compra-venda relativa ás instalacións de Cervo que resultou frustrada. Por entón, a multinacional tiña a intención de levar adiante un despedimento colectivo para máis de 500 traballadores que o comité e os sindicatos levaron á xustiza, que terminou por impedilo.