CRTVG

Buscar

Estáfalle a unha curmá de 74 anos preto de 34.000 euros

Publicado o 22/10/2020 13:15

Unha veciña de Guntín, de 74 anos, é a vítima da última estafa desenmarañada pola Policía Nacional de Lugo.

"Unha muller de avanzada idade presentouse na comisaría para presentar unha denuncia. Puxo en coñecemento que notara que nos últimos meses lle desapareceran diferentes cantidades da conta bancaria", explica Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo. 

Os axentes iniciaron unha investigación e chegaron ata a presunta estafadora, que é unha curmá da vítima. Realizara por Internet 78 compras que en total sumaban case 34.000 euros.

"Unha familiar que se fixera co DNI falsificara uns documento e conseguira a tarxeta coa que realizou ata 78 operacións de diferentes cantidade e que sumaban case 34.000 euros", explica Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo. 

Ao parecer, a presunta estafadora, de 60 anos e veciña de Lugo, tentou defenderse alegando que o marido da vítima, xa falecido, a autorizara para dispoñer dos fondos da conta.

"Detívose e tomóuselle declaración, pero, como non ten outros delitos, quedou en liberdade á espera de xuízo", explica Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo. 

Nos últimos meses a Policía Nacional de Lugo resolveu varias estafas nas que as vítimas eran tamén persoas de avanzada idade.

Noticias web

22/10/2020