CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos daranlle o visto e prace á vacina de Johnson & Johnson

Publicado o 24/02/2021 14:53

• Sería a primeira vacina contra a covid-19 de unha soa dose

Os Estados Unidos daranlle o visto e prace á vacina de Johnson & Johnson

A vacina de Johnson & Johnsonn podería ser a primeira dunha única dose en aprobarse. Este venres 26 someterase á avaliación da FDA (Administración de Comida e Medicamentos dos Estados Unidos) para a aprobación de emerxencia. As novas análises dos seus efectos revelan resultados positivos.

Baixan as hospitalizacións

Os ensaios demostraron que a vacina prevén o 86 % dos casos graves nos Estados Unidos e o 82 % en Latinoamérica, o que na práctica significaría que é altamente efectiva en previr hospitalizacións e mortes polo coronavirus  SARS-CoV-2.

Así o recollen os documentos achegados para a avaliación por parte do organismo, onde se sinala que os datos demostran un "efecto substancial da Ad26.COV2.S na prevención das hospitalizacións relacionadas coa covid-19".

A FDA considera que a vacina debería permitir conter a extensión da enfermidade, que se cobrou máis de medio millón de vidas en Estados Unidos en pouco máis dun ano.

Efectiva contra as variantes

A comezos deste mes, Johnson & Johnson asegurou que os datos de ensaios clínicos indican que a súa vacina contra a covid-19 ten unha efectividade xeral á hora de inmunizar contra a enfermidade do 66 %; un 72 % nas probas realizadas en Estados Unidos; un 66 % en Latinoamérica e un 64 % en Sudáfrica, onde se estendeu unha variante máis resistente.

En que se diferencia das outras?

A diferenza das vacinas de Pfizer ou Moderna, baseadas en ARN mensaxeiro, a vacina de Johnson & Johnson está feita a partir de adenovirus, é dicir, un virus modificado xeneticamente para que as nosas células fabriquen proteínas do coronavirus que inducen ao corpo a fabricar anticorpos contra el.

Isto ten consecuencias loxísticas: a vacina de Jonhson & Johnson non precisa conxelación (si refrixeración), de xeito semellante á vacina de Oxford-AstraZeneca, o que aforra custos e axiliza o transporte e a almacenaxe.

Porén, a efectividade das outras vacinas está por riba do 90%- 95%.

A vacina de Johnson & Johnson podería obter aprobación de emerxencia este venres, anunciándose a decisión o sábado, e comezar a distribuírse inmediatamente por todo o país nos centenares de centros de vacinación que xa comezaron a vacinar a poboación de maior idade e outros grupos de risco.

Food and Drug AdministratioF