CRTVG

Buscar

Estabilízase a pandemia en Galicia, que supera o medio milleiro de mortes

Publicado o 24/04/2020 14:12

• Continúa o descenso de contaxios e de mortes nas residencias

Estabilízase a pandemia en Galicia, que supera o medio milleiro de mortes

Galicia rexistrou nas últimas 24 horas 57 novos casos activos de coronavirus e practicamente o mesmo número de altas (54), o que indica unha estabilización na expansión da pandemia. Os últimos datos oficiais do Sergas reflicten un total de 6.704 casos activos.

Nas últimas horas faleceron 2 persoas máis por coronavirus en Galicia. Trátase dunha muller de 68 anos e un home de 70 que estaban ingresados no CHUS e que tiñan patoloxías previas, segundo informa o Sergas. O que sitúa a cifra total de falecidos en 504 persoas. Do total de mortes, 388 rexistráronse en hospitais e 116 en residencias. 

Hoxe tamén se rexistraron outras catro mortes. Trátase dun varón de 91 anos que estaba ingresado no CHUVI, un varón de 71 anos que estaba ingresado en POVISA; unha muller de 97 anos que estaba ingresada no CHUO e unha muller de 87 anos que estaba ingresada no hospital público de Verín, neste caso sen patoloxías previas.

A distribución por áreas dos casos é a seguinte:

• A Coruña: 1.584 casos (+34).

• Ourense: 1.302 casos (+1).

• Vigo: 1.169 casos (+5).

• Santiago: 1.065 casos (-13).

• Lugo: 647 casos (+20).

• Pontevedra: 550 casos (+15).

• Ferrol: 387 casos (+5).

Nas UCI continúa baixando a presión asistencial, con cinco casos menos ca onte, ata un total de 87. Igualmente, nas unidades de hospitalización hai 531 pacientes ingresados, 37 menos ca onte. E a maior parte, xa máis de 6.000 dos enfermos, permanecen no seu domicilio.

Nas residencias, principal foco da pandemia, tamén continúa descendendo o número de contaxiados. Nas últimas 24 horas recuperáronse 13 usuarios e 13 traballadores. En total, hai rexistrados 897 residentes infectados e 347 profesionais destes centros.

O número de altas, logo das 54 das últimas 24 horas, sitúase en 1.730.

O número de PCR realizadas é de 78.822.