CRTVG

Buscar

Estabilizado o incendio forestal de Viana do Bolo e continúa activo o de Monterrei, o máis grande da temporada

Publicado o 25/07/2020 14:01
Estabilizado o incendio forestal de Viana do Bolo e continúa activo o de Monterrei, o máis grande da temporada

As chamas arrasaron, segundo as últimas estimacións, un total de 250 hectáreas. A Xunta considera que este incendio foi provocado ao iniciarse na parroquia de Vilardemilo en cinco puntos diferentes. Nos labores de extinción participan un técnico, 17 axentes, 46 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, oito helicópteros e oito avións.   

Pola súa banda, continúa activo o incendio de Flariz, no concello ourensán de Monterrei, que calcinou 450 hectáreas no que polo momento é o lume máis grande da temporada estival en Galicia.   Este incendio obrigou a decretar ao longo da madrugada do sábado a alerta pola proximidade do lume ás casas (coñecida como 'situación 2'), desactivada á primeira hora da mañá.   

Nas tarefas de control mobilizáronse até o momento un técnico, 13 axentes, 25 brigadas, 20 motobombas, dúas pas, sete helicópteros e doce avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).   

Por último, permanece controlado desde o mediodía do venres o lume declarado o mércores na parrroquia de Queirugás, en Verín (Ourense). A estimación de superficie afectada continúa nas 144 hectáreas.