Estabilizado o incendio de Quiroga tras arrasar 16 hectáreas de monte
Publicado o 30/08/2021 12:57

EFE
A Consellería do Medio Rural dá por estabilizado un incendio que arrasou 16 hectáreas de monte no municipio de Quiroga, na zona sur da provincia de Lugo.
O lume comezou arredor das 0:54 horas na parroquia do Hospital e, segundo a información facilitada pola Consellería do Medio Rural a EFE, o incendio quedou estabilizado ás 11:15 de hoxe.
Nos traballos de extinción están a participar medios terrestres e aéreos. Por terra, tratan de extinguir o lume 5 axentes, 12 brigadas, oito motobombas e unha escavadora. Desde o aire traballan seis helicópteros e catro hidroavións.