Estabilizado o incendio de Casares, en Málaga
A primeira hora da mañá quedou estabilizado o incendio que se declarou onte á tarde no municipio malagueño de Casares. O despregamento de máis de 130 efectivos e o envío de medios aéreos permitiron frear o avance do lume, que obrigara a desaloxar máis dunha ducia de vivendas.
Os bombeiros confían en poder extinguir o lume ao longo do día de hoxe, aínda que recoñecen que a dificultade do terreo e o vento complican seriamente os labores.
Máis de 130 efectivos traballaron durante toda a noite para evitar que o lume se propagara. Esta mañá lograron estabilizalo, grazas tamén ao traballo de varios medios aéreos que coa luz do día se sumaron aos labores de extinción.
Isto permitiu desactivar o nivel un de alerta decretado onte á tarde, cando ducias de veciños deste municipio malagueño de Casares alertaron da situación e de que o lume estaba preto das casas, a maioría delas segundas residencias que no momento do incendio estaban baleiras.
As vivendas que si estaban ocupadas tiveron que ser desaloxadas por precaución e houbo que habilitar a Casa da Xuventude de Casares como albergue improvisado.
Tamén esta mañá quedaba controlado o incendio que se declarou onte á tarde no municipio gaditano de Castellar de la Frontera e que afectou media hectárea de arboredo.