CRTVG

Buscar

Esta semana saberemos o plan do Nadal e o proxecto de vacinación en Galicia

Publicado o 14/12/2020 09:02

• Estará vixente entre o 23 de decemebro e o 6 de xaneiro

• Permitiríase a mobilidade por toda Galicia para reunións familiares reducidas

Esta é unha semana de novidades na loita contra o coronavirus. Mañá imos coñecer como serán os plans para o Nadal, en Galicia. Coñecemos xa algúns detalles. A idea é que poida abrir toda a hostalería ata as once da noite, permitir a mobilidade por toda Galicia para reunións familiares reducidas

Incluso nos concellos que sigan pechados. Pero a semana vai dar para máis. O xoves vaise detallar o proxecto de vacinación, que en Galicia comezará na segunda semana da xaneiro nas residencias.

É unha semana clave para saber como vai ser o Nadal en Galicia. Todo dependerá da evolución e das cifras. As últimas non son precisamente positivas. De feito, foi unha das comunidades en que máis medraron os contaxios, con 396 novos positivos. Soben en todas as áreas agás na da Coruña e na de Ferrol. Vigo e Santiago foron as que máis casos novos rexistraron. A cifra de vítimas mortais segue subindo. Onte, seis máis.

Para controlar a expansión da pandemia durante as festas, a Xunta aproba mañá o plan galego para o Nadal, que estará vixente entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro.

A Consellería de Sanidade segue apostando polas dúas unidades familiares, por prescindir dos achegados nas mesas e por permitir a mobilidade interna.

O presidente da Xunta adiantaba nas últimas horas que é probable que a hostalería poida abrir en todas as cidades ata as once da noite e que se poidan levantar algúns dos peches perimetrais urbanos. 

O xoves apróbase o plan galego de vacinación, que prevé a segunda semana de xaneiro para o inicio. As primeiras 45.000 doses que o Sergas espera recibir estarán destinadas aos internos nas residencias da terceira idade

Di o presidente que o obxectivo inmediato da estratexia da Xunta non é poder celebrar o Nadal senón seguir ben despois das festas. 

Noticias web

14/12/2020