CRTVG

Buscar

Esta semana queda visto para sentenza o xuízo do 'procés'

Publicado o 10/06/2019 08:44

Tras catro meses de sesións, o xuízo do 'procés' chega esta semana á súa fin. Nas dúas únicas sesións programadas, mañá e pasado, as defensas dos doce acusados exporán os seus argumentos exculpatorios. Os procesados terán dereito á súa última palabra o mércores, antes de que se dite o visto para sentenza.

Foron catro meses de testemuños, probas, interrogatorios e moita análise dos feitos sucedidos en Cataluña no outono de 2017. As defensas dos doce acusados exporán nestas dúas derradeiras sesións os seus informes finais. Nunha ofensiva procesal conxunta pedirán non só a absolución dos líderes independentistas, tamén a inmediata posta en liberdade, alegando que non existe risco de fuga. Cada avogado terá unha hora por acusado, para contrarrestar as teses acusatorias esgrimidas pola Fiscalía, a Avogacía do Estado e Vox.


Para o ministerio fiscal, houbo rebelión e pide ata 25 anos de prisión para Oriol Junqueras, a quen considera principal instigador. "Foi un golpe de Estado que, a xuízo de Kelsen, é nin máis nin menos que a substitución dunha orde xurídica por outra por medios ilegais", dixo o fiscal Javier Zaragoza.

Tese coa que discrepou a Avogacía do Estado. Houbo alzamento tumultuario, conclúe, pero encádrao na sedición. "O uso da violencia non foi un dos elementos estruturais do plan levado a cabo por parte dos acusados", argumentou a Avogada do Estado, Rosa Seoane. 

A acusación popular, encarnada por Vox, pediu que tamén se condene aos acusados por organización criminal.
"Pero tamén a finalidade disuasoria para que nunca máis ninguén se atreva a atentar contra o ordenamento constitucional", aseverou Javier Ortega-Smith, da acusación popular. 

As teses das defensas pivotarán no cuestionamento deste procedemento xudicial e na vulneración de dereitos fundamentais, políticos e de manifestación. Segundo o calendario previsto, os doce acusados terán o mércores quince minutos cada un para defenderse antes de que o xuízo quede visto para sentenza, que previsiblemente se ditará no vindeiro outono.
 

Noticias web

10/06/2019