CRTVG

Buscar

Esta quinta vaga en España multiplica por tres o número de falecidos en dúas semanas

Publicado o 27/07/2021 08:34

A incidencia do coronavirus en España non para de subir, xa está nos 700, e nesta quinta vaga multiplicouse por tres o número de falecidos en só dúas semanas. Cataluña leva un mes liderando as cifras de contaxios e agora prevese moita tensión no seu sistema sanitario, cando menos, nos vindeiros dez días.

A incidencia da covid−19 segue marcada polos contaxios na xente nova, está en case 1.900 casos por cen mil habitantes na poboación de 20 a 29 anos, e a media estatal chegou aos 700. En apenas un mes, infectáronse co coronavirus ao redor de medio millón de persoas en España.

E malia que son novos os que se contaxian, os que precisan atención sanitaria son maiores. Dous terzos das persoas que ingresaron nesta vaga teñen máis de corenta anos. Agora hai máis de nove mil pacientes no hospital coa doenza. Cataluña xa superou o pico de contaxios, pero pasa dos 500 enfermos con covid−19 en coidados intensivos: supoñen o 44 por cento das camas. Alí calculan aínda dez días de moita tensión.

O número de mortos pola pandemia triplicouse en dúas semanas. Nos últimos sete días perderon a vida coa doenza 98 persoas. Dende o venres rexistráronse 47 falecementos. Estas cifras presumiblemente seguirán en aumento, pero son menores que as das outras vagas grazas á vacinación. En Canarias estudan facela obrigatoria para os empregados públicos que traballen en servizos esenciais.

No entanto, as comunidades autónomas seguen implantando novas restricións para frear os contaxios. En Murcia prohibiron as reunións de non conviventes entre as dúas e as seis da madrugada.

Noticias web

27/07/2021