CRTVG

Buscar

O Reino Unido diralle adeus á UE esta medianoite

Publicado o 31/01/2020 10:26

Día histórico no Reino Unido. En cuestión de horas, os británicos deixan de formar parte da Unión Europea.Máis de tres años despois de que os británicos votaran por saír da Unión Europea, o divorcio definitivo materializarase esta medianoite hora española, ás 23 horas no Reino Unido. A partir de mañá ábrese un período de transición que durará polo menos ata o 31 de decembro, unha transición que o goberno de Boris Johnson quere apurar. Durante once meses, o Reino Unido continuará integrado nas estruturas de Unión Europea.

A conta atrás para a desconexión proxectarase na fachada da súa residencia oficial e os edificios oficiais do centro de Londres tinguiranse de vermello, branco e azul, as cores da Union Jack. Johnson quere converter a data nunha celebración e mesmo planeaba que soasen as badaladas do Big Ben. Os antibrexit, que non están para celebracións, piden que non se usen os símbolos nacionais.

Ponse punto final, así, a unha relación de 47 anos coa segunda economía da Unión Europea, os británicos foron ademais motor do mercado único, da liberalización e mesmo impulsores da ampliación da Unión.

O primeiro ministro británico, que onte recibía en Downing Street o secretario de Estado norteamericano, Mike Pompeo, ofrecerá esta noite un discurso no que dará a benvida, adiantou, ao "amencer dunha nova era". A partir de mañá, o Reino Unido será un estado externo da Unión Europea e terá vía libre para negociar tratados comerciais con terceiros países, inda que manteña relacións bilaterais cos 27 estados membros do bloque comunitario. Para Mike Pompeo, o Reino Unido está ás portas dun cambio histórico e será o primeiro da lista para firmar acordos con Washington.

Menos optimista é o negociador xefe da Unión Europea para o brexit, Michel Barnier, que onte se reuniu na Moncloa co presidente Pedro Sánchez. Barnier considera que a marcha dos británicos debilitará o Reino Unido, pero tamén a Unión Europea. Sánchez expresou en Twitter o desexo de que a relación futura co Reino Unido sexa estreita e equilibrada, e lembrou que as prioridades de España son os dereitos da cidadanía e das empresas españolas.

Onte, despedida no Parlamento Europeo aos colegas británicos. A Comisión, o Consello e o Parlamento realizarán hoxe unha declaración conxunta.

Noticias web

31/01/2020