CRTVG

Buscar

Os controis intensificáronse en Vigo na fin de semana cun resultado de cen sancións

Publicado o 18/01/2021 09:42

Esta fin de semana, aumentaron os controis nas vilas e cidades galegas. Axentes da Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local participaron nos dispositivos que se distribuíron por todo o país. A Policía Local de Vigo, por exemplo, impuxo un cento de sancións en 24 horas. Desde a mañá do sábado ata a mañá do domingo tramitáronse 99 multas por violar a normativa para combater a pandemia. 

Na Coruña, a policía local desaloxou cincuenta e catro persoas da coñecida como finca dos Mariño, na contorna da praia do Matadoiro. O 092 desprazouse ao lugar tras recibir os avisos de varias testemuñas. Os axentes tramitaron vinte e catro denuncias. Doce foron por facer botellón e sete por incumprir a norma que limita os grupos a un máximo de catro persoas. Tres individuos máis foron propostos para sanción por non levaren a máscara e outros dous por fumaren sen respectar a distancia de seguridade.

Foron máis alá no País Vasco. Así reaccionou un grupo, e non de xente nova, que estaba bebendo na rúa despois de pecharen os bares en Donostia. Os incidentes repetíronse en varias localidades do País Vasco, con enfrontamentos coa policía e mesmo con queima de coletores do lixo despois deste choque en Munguia. Os mozos fixeron recuar a Ertzaintza e seguíronos entre insultos e ameazas. Só na noite do sábado, houbo máis de 700 denuncias e case unha vintena de detidos.

Noticias web

18/01/2021