CRTVG

Buscar

Esperpento na suspensión do clásico O Brasil-A Arxentina

Publicado o 06/09/2021 16:15

• As autoridades sanitarias do Brasil alegan que 4 arxentinos ingresaron de maneira irregular no país

O nunca visto. As autoridades sanitarias brasileiras interromperon pola forza no minuto cinco o partido de clasificación para o Mundial 2022 entre Brasil e Arxentina. Os funcionarios buscaban a Emiliano Martínez, Cuti Romero e Giovani Lo Celso, os tres xogando como titulares coa albiceleste, e a Emi Buendía que estaba no banco. Ían por eles para deportalos polo incumprimento da normativa sanitaria anticovid.

Tras un intres de soberano desconcerto sobre o campo do Corinthians, con Messi e Neymar incrédulos polo que estaba a suceder, era a Conmebol, a Confederación Suramericana de Fútbol a que anunciaba a suspensión do partido.

Segundo as autoridades brasileiras, Buendía e Martínez, xogadores do Aston Villa e Lo Celso e Romero, na nómina do Tottenham non cumprirían a corentena obrigatoria por entrar ao país procedentes de Inglaterra e os catro foron acusados de falsificar os datos na entrada ao Brasil. A federación arxentina, pola súa parte, alega que incumpriu a normativa específica da Conmebol para o partido.

Os catro xogadores obxecto da polémica abandonaron O Brasil canda os seus compañeiros nunha saída a todo correr da selección arxentina dende o estadio ao aeroporto de Guarulhos. Mentres, o equipo de Tite, aproveitaba a situación para realizar un adestramento no mesmo campo de xogo e as consecuencias do sucedido serán decididas agora nun despacho da FIFA.

Noticias web

06/09/2021