CRTVG

Buscar

"Espero que ninguén se molestase", di a peregrina desaloxada dun cemiterio

Publicado o 07/10/2021 13:45

Anna Russ descansa no albergue de San Romao, onde a acolleron logo da súa odisea no Camiño de Santiago. A moza, de 23 anos e nacionalidade alemá, sufriu un roubo en Bilbao e quedou sen nada. Aínda así, puido seguir camiño ata Lugo. Alí quixo pasar a noite no silencio deste cemiterio, pero o párroco deu aviso á Policía Local e foi desaloxada. Ela resta importancia ao que lle pasou e mesmo pide desculpas.

"Para min é normal entrar no cemiterio porque me pareceu un lugar moi tranquilo. Entendo que parece algo raro, pero para min é normal. Espero que ninguén se molestase", explica Anna Russ.

Anna di que non lle daba medo durmir nos cemiterios e que non era a primeira vez porque, asegura, é onde mellor descansa. A fatiga, a falta de recursos e ata o frío fixérona desistir de seguir camiño e agora reponse neste albergue onde foi acollida. Con todo, asegura que para o ano pensa volver facer a ruta. Iso si, ben acompañada.

"Gústame moito a tranquilidade que se respira por todo o Camiño. Eu tiven mala sorte, pero sigo estando namorada desta ruta xacobea e quero repetir. Pero non eu soa", di Anna.

O pai de Anna vaina recoller esta tarde para levala de regreso a Alemaña. Agora xa se fixo famosa pola súa intención frustrada de tomar un descanso temporal onde o que prima é o descanso eterno.

Noticias web

07/10/2021