CRTVG

Buscar

Esperas de dous a catro meses para poder facer as prácticas de conducir

Publicado o 18/05/2021 15:29

Blanca e Lucía estudan Medicina en Santiago e queren sacar este curso un aprobado a maiores, o do carné de conducir. O que non contaban é que terían que esperar para poder facer as prácticas.

"Cando lle preguntaba ao meus amigos, dicíanme que levan desde novembro ou outubro, pero eu a verdade é que tiven sorte", di Blanca. "Eu pedín para poder ir á Andalucía no verán xa con coche", conta Lucía.

Elas tiveron que esperar dous meses para empezar coas prácticas, pero no sector din que o tempo de media adoita ser maior.

"Pois si, hai bastante atasco, de tres a catro meses de espera estamos tendo agora mesmo", asegura Cristina Sinde, profesora de autoescola.

"As horas de formación que temos están todas a tope. Se o día tiverse 48 horas, teriamos para todo", di Paula León, tamén profesora de educación viaria.

"Hai xente que o entende e xente que non. Non lle vale que lle digas que ten outra xente diante, que hai unha pandemia que atrasou todo", conclue Cristina.

A pandemia agravou un problema que xa viña de antes pola falta de examinadores e profesores de educación viaria.

"Non hai profesores de autoescola; non das encontrado xente para traballar", di Cristina. "Si que estamos demandando que haxa máis, pero non hai, e iso tamén influe", confirma Paula.

Blanca e Lucía non saben cando se poderán examinar, pero contan volver á casa con todo aprobado este verán. 

En coche non, pero co carné si que volvo", recalca Lucía.

Noticias web

18/05/2021