CRTVG

Buscar

Espectacular incendio na terraza dun ático do centro de Santiago

Publicado o 25/08/2021 09:43

O incendio na terraza dun ático no centro de Santiago obrigou a desaloxar esta noite os veciños do edificio. A rápida intervención dos bombeiros permitiu extinguir o lume sen que provocase danos no interior da vivenda.

A espectacularidade das lapas alertou os veciños dos inmobles situados preto da vivenda afectada. O lume comezou de noite, cando o propietario do ático estaba fóra da casa.

"Chamoume un veciño para dicir que a casa estaba ardendo. Cheguei e a sorte foi que o foco estaba na terraza. Debeu ser nun testo que está iluminado. Tivo que haber un curtocircuíto", explica Marcos López. 

Os bombeiros chegaron axiña, tras recibir moitas chamadas de alerta dos veciños da zona.

"Era un incendio moi visible. Fixemos un tendido de mangueira polo interior do edificio. O propietario da vivenda abriu a porta para acceder á casa. Apagouse axiña porque foi un percorrido moi recto", comenta José Gigirey, cabo dos Bombeiros de Santiago.

Grazas á súa rápida intervención, os bombeiros apagaron o lume con facilidade. O incendio só afectou á terraza.

"O que ardía era madeira que tiña na estrutura do chan e das xardineiras. Ao botarlle auga, apagouse rápido", salienta o bombeiro. 

Tamén axudou a auga que saíu do jacuzzi que había na terraza.

"A sorte foi que o jacuzzi, coa calor, rebentou e os 500 litros mitigaron un pouco o avance do lume", asegura Marcos López. 

O edificio non sufriu danos estruturais, aínda que, durante a extinción, desaloxaron os veciños por precaución. A Policía Científica investiga agora a causa do incendio.

 

Noticias web

25/08/2021