CRTVG

Buscar

España volve estar en risco alto por covid con contrastes entre as comunidades

Publicado o 01/04/2021 14:36

Semana Santa e o semáforo da covid en España volve poñerse vermello. A curva de contaxios sobe na maioría das comunidades pero son Navarra e Madrid e as cidades de Ceuta e Melilla as que están en risco extremo. A transmisión dos contaxios sitúa a incidencia acumulada en 152 casos por cen mil habitantes a 14 días, unha situación que non se daba desde principios de marzo. Ante esta tendencia á alza, os expertos inciden na importancia das medidas especialmente nestes días festivos para evitar a cada vez máis probable cuarta ola.

Tato Vázquez Lima, Presidente da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias: "Eu penso que vai chegar. A intensidade da mesma vai estar condicionada ao cumprimento das medidas".

Navarra é, canda A Rioxa, unha das comunidades con peores datos. O Goberno foral endurece as medidas para frear a expansión do virus. Desde hoxe, pecha o interior da hostalería.

Tamén pecharán o interior de bares e restaurantes en Castela e León, a partir do luns nos municipios con máis de 150 casos de incidencia acumulada. Os gobernos de Cataluña e Aragón xa avisaron que endurecerán as medidas se os datos epidemiolóxicos seguen empeorando.

Así as cousas en España, e mentres a incidencia sobe, seguen chegando ás Baleares turistas procedentes de Alemaña. Asi estaba esta mañá o aeroporto de Palma de Mallorca. Medio cento de voos aterrarán ó longo do día de hoxe.

Noticias web

01/04/2021