CRTVG

Buscar

España terá o maior crecemento da eurozona este ano e o vindeiro

Publicado o 31/05/2021 10:55
España terá o maior crecemento da eurozona este ano e o vindeiro

España será, segundo a OCDE, o país da zona euro co maior crecemento este ano e, aínda máis, no 2022, polo dobre efecto benéfico do ritmo actual de vacinación e dos fondos europeos que deben empezar a chegar nos vindeiros meses.

No seu informe de perspectivas publicado este luns, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) calcula que o produto interior bruto (PIB) español subirá un 5,9 % no 2021, o que significa dúas décimas máis do que anticipara a comezos de marzo.

Para o vindeiro exercicio, a revisión é aínda moito maior, de 1,5 puntos, ata o 6,3 %. Daquela, estima que se deixará sentir plenamente na actividade económica o impacto dos cartos europeos e da vacinación en sectores que estiveron pechados pola pandemia, como o turismo.

Unha das razóns desta repunta tan elevada de crecemento é que a economía española foi tamén a que sufriu no 2020 o maior baixón dos membros da moeda única e mesmo de toda a OCDE (-10,8 %).

De feito, calcúlase que tardará tres anos e medio en recuperar o nivel do PIB per cápita anterior á crise. Dos 38 estados membros da organización, só lles vai custar máis a Islandia e a México.

Recuperación do emprego moi lenta

A recuperación do emprego vai ser moi lenta. A OCDE aventura que a taxa de paro, que subiu ao 15,5 % de media o pasado exercicio, unicamente diminuirá unha décima no 2021 e ata o 14,7 % no 2022.

Noticias web

31/05/2021