España sub-21 derrota a Rusia con dobretes de Pino e Niño
A selección española sub21 goleou a Rusia nun partido disputado no Francisco de la Hera, en Almendralejo. E iso que, aínda en frío, chegou o clamoroso erro do gardameta Arnau Tenas. A cesión de Miranda tampouco foi amigable e o porteiro do Barcelona perdeu o balón diante de Agalarov, que conseguiu o tanto. A xogada puido marcar o choque pero a reacción foi rápida. Cinco minutos despois aliáronse os dous homes do partido. Yeremi Pino asiste para que Fer Niño, só, marque sen dificultade.
O 1-1 tranquilizou ánimos pero os tantos da vitoria agardaron ata a segunda metade. Ata oi inicio da mesma xa que no minuto 1 Yeremi Pino consegue o gol cun disparo desde lonxe que toca nun defensor e que o porteiro ruso non pode deter. O xogador do Vilarreal estaba desatado e un pase seu, perfecto, cara o oco, atópase coa inmellorable definición de Fer Niño. Con insultante tranquilidade o dianteiro do Mallorca supera o porteiro rival.
No 11 español estivo o lateral do Celta cedido no Mirandés, Sergio Carreira, que realizou un bo partido. Foi substituído contra o final, xusto antes que o donostiarra Karrikaburu protagonizase unha acción que foi capaz de culminar Yeremi Pino apúntandose tamén ao dobrete. El foi sen dúbida o home do partido, dous goles e dúas asistencias, para comezar do mellor xeito a clasificación para o Europeo de 2023.