CRTVG

Buscar

O FMI empeora as previsións e ve unha caída da economía española do 12,8%

Publicado o 24/06/2020 15:38
O FMI empeora as previsións e ve unha caída da economía española do 12,8%

Estímase unha contracción sen precedentes modernos do 12,8 % da economía española.  Na actualización de xuño do seu informe Perspectiva Económica Mundial, o FMI rebaixou de forma xeneralizada as súas estimacións para a economía mundial.

No caso de España, a revisión á baixa foi de case cinco puntos porcentuais, en comparación coa contracción do 8 % estimada en abril polo Fondo.

Para 2021, España experimentará unha repunta do 6,3 %, o cal equivale a unha mellora de dous puntos porcentuais en comparación coas previsións de abril. O desaxuste das contas públicas durante 2020 chegará ao 13,9 % do PIB, mentres que en 2021 aínda será do 8,3 %.

No que respecta ao nivel de débeda, o FMI estima que España pechará este exercicio cun cociente débeda/PIB do 123,8 %, fronte ao 95,5 % contabilizado a finais de 2019. En 2021, o cociente mesmo se elevará pese ao crecemento económico ata o 124,1 %.

Situación internacional

Con respecto ao resto das principais economías do euro, o FMI considera que Italia tamén se contraerá un 12,8 % (3,7 puntos menos que en abril), Francia un 12,5 % (5,3 puntos menos) e Alemaña un 7,8 % (oito décimas menos).

No seu conxunto, a zona euro experimentará unha caída do 10,2 %, e Os Estados Unidos descenderán un 8 %.

De forma xeral para todos os países, o FMI alerta de que as previsións teñen un "alto grao de incerteza", con moitos riscos tanto á alza como á baixa.

Así, a recuperación podería ser mellor do previsto se se dan boas noticias sobre vacinas e tratamentos e se aproba máis apoio por parte dos gobernos.

Do seu lado, a aparición de rebrotes do virus podería paralizar de novo a mobilidade e o gasto, endurecer as condicións financeiras e agravar a recesión económica.