CRTVG

Buscar

España rexistra 8.665 casos e a incidencia descende levemente a 230

Publicado o 28/04/2021 18:42

As comunidades autónomas notificaron este mércores ao Ministerio de Sanidade 8.665 novos casos de covid−19, 4.381 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 10.232 positivos. A cifra total de contaxios en España elévase xa a 3.504.799 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 230,27, fronte aos 232,86 de onte. Nas pasadas dúas semanas rexistráronse en total 109.264 positivos. Con todo, o País Vasco non actualizou os datos debido á festa de San Prudencio, patrón da provincia de Áraba. Desta forma, os seus casos diagnosticados no día previo corresponden a casos notificados onte.

No informe deste mércores, engadíronse 88 novos falecementos, en comparación con 148 o mércores pasado. Ata 77.943 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recollidos polo Ministerio. Na última semana faleceron 256 persoas con diagnóstico positivo confirmado.

Actualmente, hai 9.985 pacientes ingresados por covid−19  A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 7,94 por cento (8,12 % onte) e nas UCI no 22,99 por cento (23,12 % onte). 

Aumentan a seis as comunidades autónomas, ademais de Melilla, en risco extremo de transmisión ao sumarse Cantabria. Segundo os datos facilitados este mércores por Sanidade, ademais de Cantabria (250) están en situación de risco extremo Aragón (275), Cataluña (288,5) Madrid (393), Navarra (354,9) e o País Vasco (485).