CRTVG

Buscar

España rexistra 61.422 novos casos dende o venres, e a incidencia sobe 85 puntos

Publicado o 11/01/2021 18:37

O Ministerio de Sanidade notificou un incremento de 85 puntos, ata 435, da incidencia acumulada en 14 días por cada 100.000 habitantes e unha ocupación das UCI do 26 % (dous puntos máis), mentres que nos hospitais subiu ata o 13,7 %, fronte ao 12,22 do pasado venres.

Así o sinalou o director do Centro de Coordinación de alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, quen dixo que a evolución da pandemia se atopa en fase "claramente ascendente e é unha consecuencia do comportamento dos últimos días". "Pasamos unhas vacacións mellor do que deberiamos facer e agora estamos a observar as consecuencias", subliñou o experto. 

As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 61.422 novos casos durante esta fin de semana, 6.162 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. A cifra total de contaxios en España elévase xa a 2.111.782 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais.

No informe deste luns engadíronse 401 novos falecementos, en comparación con 199 o venres. Ata 52.275 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España,

O peor do que vén: a presión hospitalaria, que segundo Sanidade vai subir polo menos durante tres semanas. Neste momento, o 26 por cento das camas UCI dos hospitais españois xa están ocupadas con enfermos de covid−19. "As UCI e os hospitais seguiranse saturando, e iremos vendo que aumenta o número de falecidos", asegura Simón. 

Sanidade descarta un confinamento domiciliario e apela á responsabilidade individual para dobregar a curva. Advirten de que os efectos da vacina para controlar a trasmisión non se empezarán a notar ata dentro de dous meses. De momento, administráronse 381.565 doses, o 50 por cento das que leva recibidas España.

 

Noticias web

11/01/2021