CRTVG

Buscar

España rexistra 52.386 casos esta fin de semana e 512 mortes, unha cifra récord na segunda vaga

Publicado o 09/11/2020 18:20

España rexistrou esta fin de semana un total de 512 persoas falecidas con proba diagnóstica positiva por coronavirus, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade. Trátase dunha cifra récord nesta segunda vaga da pandemia.

Con estes novos falecidos, España xa alcanzou os 39.345 mortos por covid-19 desde que comezou a pandemia, segundo o reconto oficial.

Ademais, rexistráronse ata o momento 1.381.218 positivos, o que supón un incremento de 52.386 casos este fin de semana (4.441 nas últimas 24 horas), tras os 1.328.832 casos notificados o pasado venres.

Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Sanidade, a ocupación nas unidades de coidados intensivos (UCI) é xa do 31,76%, con 3.007 pacientes ingresados. É A Rioxa a comunidade coa porcentaxe máis alta, 56,6%, seguida de Aragón e a cidade autónoma de Melilla, ambas as co 50%.

En total hai 21.029 pacientes hospitalizados por covid-19, o que supón unha ocupación do 17,28% nos hospitais.

Cataluña, que minora o ritmo de contaxios pero rexistra 9.600 dende o venres, baralla prolongar quince días o peche da hostalería para rebaixar a presión asistencial. A ocupación nas unidades de coidados intensivos supera o 45 por cento.

Andalucía, con máis de 12.000 casos a fin de semana, confina os concellos e clausura a actividade non esencial a partir das seis da tarde. En Granada, a provincia máis afectada, decrétase o cese total.

Madrid consegue mellorar os seus datos e notifica en torno aos 1.000 positivos diarios. Malia e todo, mantén as restricións nas áreas de saúde xa confinadas. Ademais, estende as limitacións a oito municipios. Os máis dependentes do turimo temen as consecuencias.

Tamén Navarra rebaixa a incidencia pero non afrouxa as restricións e mantén o toque de queda entre as once da noite e as seis da mañá. Do mesmo xeito, Melilla prorroga o peche da hostalería malia reducir a súa incidencia acumulada en 258 puntos.

Preocupa a situación en Castela e León e Euskadi, en torno aos 5.000 novos casos na fin de semana. Ambas as dúas manteñen a limitación de mobilidade nocturna, agora dependente das comunidades.