CRTVG

Buscar

España rexistra 17.681 casos, a cifra máis baixa nunha fin de semana dende agosto

Publicado o 07/12/2020 19:37

• No informe do Ministerio desde luns notificáronse 394 falecementos máis

• A incidencia baixa a 215 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días

As comunidades autónomas notificaron esta fin de semana ao Ministerio de Sanidade 17.681 novos casos positivos e 394 falecidos por coronavirus, segundo informou o Ministerio.

En total xa se diagnosticaron 1.703.328 casos positivos e un total de 46.646 persoas faleceron pola covid-19 desde o comezo da pandemia.

Ademais, a incidencia acumulada descendeu a 215 casos diagnosticados por 100.000 habitantes nos últimos catorce días, tras os 231 casos por 100.000 habitantes notificados o pasado venres.

A incidencia media acumulada en España segue baixando e sitúase nos 215 casos por 100.000 habitantes. Só dúas comunidades, Euskadi e Asturias, están lixeiramente por riba dos 300.

Cataluña consegue estabilizar a situación pero a Generalitat permanece á expectativa ata coñecer o impacto da reapertura da hostaleria, da cultura e das interaccións sociais nos datos desta semana. Na comunidade de Madrid tamén diminúen os contaxios e as mortes pero soben as hospitalizacións. Porén, redúcese o número de paciente en unidades de coidados intensivos.

A evolución favorable da pandemia en Murcia, levou ao seu goberno a levantar o peche perimetral en 43 dos 45 municipios. O vindeiro mércores, reabrirá o interior de bares e restaurantes. Porén, as autoridades insisten en pedir mesura de cara as festas do Nadal.