CRTVG

Buscar

España rexeita a proposta de Bruxelas de redución das cotas de pesca

Publicado o 15/12/2020 15:31

Hoxe en Bruxelas reúnense os ministros de Pesca para fixar as cotas do ano que vén. As negociacións prometen ser longas porque a proposta da Comisión implica fortes recortes nas capturas de especies relevantes para a nosa frota.

Esta mañá arrancaron unhas negociacións difíciles que durarán varias xornadas. España chega amosando xa a súa negativa a aceptar a proposta da comisión, que prevé fortes recortes nas capturas de especies que son vitais para a frota galega, como a da pescada. Tanto o ministro español como a conselleira do mar queren que se teña en conta a difícil situación económica que provocou a pandemia no sector e tamén as incertezas que trae consigo o Bréxit.

A conselleira do Mar acompaña o ministro Planas nestas negociacións. E é que Galicia xógase moito neste reparto de cotas de peixe. A Xunta calcula que a proposta da Comisión traería perdas por valor de trinta millóns de euros na nosa economía e afectaría a 2.300 tripulantes, ao incluír importantes recortes para a pescada, o peixe sapo e o rapante. O reparto prodúcese nun momento en que o sector está preocupado polas repercusións do brexit.

Rosa Quintana, conselleira do Mar, asegura que "o positivo sería chegar a un bo acordo de países irmáns que deben traballar xuntos. Non debemos esquecer que a maioría das especies que están nesas augas son especies migratorias e que, polo tanto, a súa explotación debe ser acorde ás normativas internacionais".

Polo momento, as negociacións semellan encalladas no tema da pesca e Boris Johson mesmo ameaza con sacar patrullas militares ao mar se a un de xaneiro non hai acordo.

Noticias web

15/12/2020