CRTVG

Buscar

España renuncia á metade dos fondos europeos de recuperación contra a covid

Publicado o 30/04/2021 21:12

• Recolle o plan de vivenda, pero non o concreta

España envía a Bruxelas o seu plan de recuperación co que obter as axudas extraordinarias contra a crise da Covid. E faino con sorpresas: o Goberno renuncia por agora á metade dos fondos que lle tocaban. Só pedirá as transferencias por 70.000 millóns de euros e prescinde dos préstamos a devolver. 

Son a metade dos cartos á España, o segundo socio europeo máis beneficiado polo Fondo de Recuperación logo de Italia. No plan de 348 páxinas que remitiu esta tarde, o Goberno anuncia que adicará o 40% deses 70.000 millóns a proxectos de transición ecolóxica e o 30% á dixital. Preto de 7.000 millóns de euros serán específicos para educación e formación.

A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, anunciou nas redes socias que o Plan contribuirá a financiar a recuperación do país e tamén a mellorar a súa cohesión.

O documento español chegou esta tarde a Bruxelas xunto aos de Dinamarca, Letonia e Luxemburgo.

Non concreta o plan de vivenda

O Goberno, a través do plan de vivendas para o alugueiro alcanzable, pretende implicar ao sector empresarial no incremento da oferta de vivenda en alugueiro a prezo limitado naquelas localizacións, con demanda acreditada, nas que o prezo do alugueiro está a incrementarse con maior intensidade e nas que exista chan de titularidade pública sobre o que levar a cabo ditas actuacións a través de mecanismos público-privados.

O Goberno incluíu tamén no Plan de Recuperación a nova Lei Estatal de Vivenda, que están a negociar PSOE e Unidas Podemos, e limítase a indicar que o seu obxectivo é "garantir o dereito a unha vivenda digna e incorporar tamén cambios para a rehabilitación e mellora do parque de vivenda".

O Goberno asegura que a Lei de Vivenda constitúe a resposta por parte do Estado da obrigación que, no marco das súas competencias constitucionais, incúmbelle na protección do dereito para acceder a unha vivenda digna e adecuada e á súa goce, pero non menciona os aspectos concretos que incluirá a nova norma, que de acordo coa negociación en marcha, recollerá medidas para limitar o aumento dos prezos de alugueiro nas zonas tensionadas.