CRTVG

Buscar

España recibe finalmente as vacinas de Janssen, que almacenará á espera da EMA

Publicado o 14/04/2021 17:09

A Axencia Europea do Medicamento mantén que os beneficios da vacina son superiores aos riscos

• Darias confía en que a Axencia Europea sexa favorable á vacina de Janssen 

 

A ministra de Sanidade confiou esta tarde en que a Axencia Europea do Medicamento decida nos próximos días de forma favorable á vacina de Janssen e se poida comezar a distribución ás comunidades autónomas das doses recibidas. Desta maneira se expresou Darias na conferencia de prensa posterior ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) en que tratou xunto aos conselleiros o atraso na distribución desta vacina.

Nesta xornada chegaron finalmente as primeiras 146.000 doses da vacina monodose de Janssen, pero permanecerán nos almacéns centrais da compañía á espera de que a EMA se pronuncie sobre o seu uso, lembrou Darias. Foi a compañía a que recomendou conservar as vacinas de cada país e non utilizalas ata que o comité de seguridade da EMA (PRAC) emita as súas recomendacións sobre ela, que se espera que ocorra nos próximos días.

A primeira entrega a España foi de 146.000 doses e para todo o mes de abril a remesa total ascendía a 300.000 ata alcanzar os 5,5 millóns deica xuño.

Tan pronto como o PRAC emita unha consideración, dixo a ministra, que espera que "sexa favorable", poñeranse ao dispor das comunidades autónomas as doses correspondentes desta vacina, que comezaría a inocularse nas persoas de 80 anos e a menores desa idade. "Nós estamos preparados e dispostos no caso de que a EMA sexa favorable", dixo a ministra, que insistiu en que o Goberno mantén os obxectivos de vacinación de ter inmunizado o 70 % da poboación a finais de agosto.

Celebrou o adianto dos 50 millóns de doses da vacina de Pfizer a Europa, que estaban previstas para o cuarto trimestre do ano pero que co acordo da UE se recibirán no segundo. Desta remesa, a España correspóndenlle cinco millóns de doses, e iso reforza, dixo, o obxectivo de acelerar a vacinación.

A ministra fixo un chamamento á cidadanía para ir vacinarse cando lle toque; o acto supón "unha emoción compartida" pola poboación porque as vacinas son seguras e salvan vidas.