España recibe 3.370 millóns de euros máis do fondo da UE contra o paro

España recibiu 3.370 millóns de euros máis en préstamos do fondo europeo contra o desemprego pola pandemia, coñecido como SURE, segundo anunciou a Comisión Europea.
Antes deste desembolso, España xa obtivera 17.956 millóns de euros. Deste xeito, xa conta con todos os cartos asignados para cubrir os mecanismos de redución de xornada, como os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE).
O desembolso produciuse despois de que hai unha semana a Comisión Europea realizar aa sétima emisión de bonos sociais para financiar o fondo SURE, que ten en total 100.000 millóns de euros en créditos.
A emisión consistiu en 6.000 millóns de euros en bonos que vencerán en xaneiro de 2047 e noutros 8.137 millóns en bonos a oito anos, que deberán pagarse en xullo de 2029.
Polo momento, asignáronse 94.300 millóns de euros a dezanove Estados membros, polo que a contía deste instrumento aínda non se esgotou.
De feito, os países aínda poden presentar novas solicitudes para acceder aos cartos do fondo, que seguirá en funcionamento ata finais de 2022 se o seu financiamento non se esgota antes.
Ademais de España, este martes recibiron fondos Bélxica (2.000 millóns de euros), Bulgaria (511 millóns), Chipre (124 millóns), Grecia (2.540 millóns), Italia (751 millóns), Lituania (355 millóns), Letonia (113 millóns), Malta (177 millóns), Polonia (1.560 millóns), Portugal (2.410 millóns) e Estonia (230 millóns).