CRTVG

Buscar

Darias anuncia 1,7 millóns de doses Pfizer cada semana ata finais de maio

Publicado o 19/04/2021 11:00

O Ministerio de Sanidade distribúe este luns entre as comunidades autónomas un novo envío de máis de 1,2 millóns de doses de Pfizer, que chegaron a España, segundo informou o ministerio na súa conta en Twitter.

A titular de Sanidade Carolina  Darias asistiu á recepción do novo envío de Pfizer/BioNTech no centro de operacións do ministerio. A previsión é que esta semana cheguen a España case dous millóns de vacinas. De AstraZeneca están previstas 278.000 doses, o dobre que a semana pasada.

E tamén chegarán de Moderna: 300.00 unidades. Ademais, as entregas aumentarán a partir da próxima semana, polo menos as de Pfizer, que subirán a 1.700.000 doses semanais, segundo anunciou a ministra de Sanidade.

Mentres, as 146.000 doses de Janssen permanecen nos almacéns centrais da compañía á espera de que a Axencia Europea de Medicamentos (EMA) se pronuncie este martes sobre o seu uso tras a paralización da súa administración nos Estados Unidos.

Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade facilitados o venres á tarde, 9.002.054 persoas, o 19 % da poboación, recibiron polo menos unha dose desde o inicio da campaña de vacinación, e 3.328.701, o 7 %, teñen a pauta completa.

Darias anuncia 1,7 millóns de doses Pfizer cada semana ata final de maio 

A ministra de Sanidade Carolina Darias afirmou este luns que España recibirá 1,7 millóns de doses de Pfizer semanalmente, desde o 26 de abril ata o final do mes de maio, e destacou que propiciará que se cumpra o obxectivo de ter o 70 % da poboación vacinada a finais do verán. Na súa conta de Twitter, a ministra asegurou que, desde a próxima semana e "durante todo o mes de maio", chegarán a España unha media de 1.700.000 dose da vacina de Pfizer.

Darias sostivo que co aumento da chegada de antídotos a España o obxectivo de vacinación "está ao alcance da man". Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, 9.002.054 persoas, o 19 % da poboación, recibiron polo menos unha dose das vacinas desde o inicio da campaña, e 3.328.701, o 7 %, teñen xa a pauta completa. Das 13.703.085 doses entregadas en España, o 90 % foron administradas.