CRTVG

Buscar

España prepara a penúltima viaxe no camiño cara á final da Eurocopa

Publicado o 03/07/2021 21:41

Unai Simón luciu na última rolda de prensa o seu trofeo como o mellor xogador do partido ante Suíza. O porteiro vitoriano emerxe como un dos protagonistas dos útimos éxitos da selección. Dun combinado novato, que leva semanas viaxando por Europa cuestionado pola súa inexperiencia como bloque. Un equipo certamente novo, que madurou superando atrancos e plantándose nas semifinais do torneo como unha piña.

E se a camiseta de Luis Enrique trae o recordo de "Naranjito", a memoria recente evoca a final España-Italia de 2012, matinando no vindeiro rival. Aquel 4 a 0. Unha selección italiana que onte no Allianz Arena de Múnic eliminou a Bélxica por 1 a 2, cos goles de Barella e Lorenzo Insigne. Todo nun primeiro tempo no que a selección de Roberto Martínez recortou distancias de penalti. Marcou Romelu Lukaku. Pero non deu acadado o nivel da Bélxica que fora a terceira no Mundial de Rusia. Emerxe Italia, a única selección que gañou todos os seus partidos, e a que máis dispara a porta. Será a cuarta Eurocopa consecutiva na que se cruce con España.

Tras a Cartuja sevillana, Copenhage e San Petersburgo, a última parada será Londres. O estadio de Wembley, sede das semifinais e a final desta Eurocopa.

Noticias web

03/07/2021